Agamenón e a verdade

O último vídeo que compartín en Facebook tróuxome consecuencias inesperadas: unha persoa á que aprecio viu un apoio inaceptable a Luis Rubiales, polo simple feito de que o documento contiña imaxes e comentarios de Jenni Hermoso que poderían desvirtuar as acusacións contra o presidente suspendido. A min, nun principio, tamén me levou a pensar que o comunicado que publicou a xogadora a través do seu sindicato se volvía un tanto hipócrita, á luz do rexistrado na gravación. Quitáballe isto gravidade ao asunto? Creo que non. Debía ocultarse o que encaixaba mal co relato dominante? Tampouco o creo.

Nunha sociedade madura, entendo que, cando emitimos xuízos públicos, está ben que o fagamos dunha forma limpa, na que evitemos filtrar a información consonte as conclusións ás que a nosa visceralidade nos queira levar. Resúltanme absurdas as pretensións dalgunhas correntes políticas que avogan por que se fale delas desde a súa propia conveniencia, baixo o pretexto de que defenden os valores da civilización occidental, a causa dos estamentos débiles, o Cristo Pantocrátor ou a Bicha de Balazote. Non creo que se poida defender nada sen facelo primeiro dentro do propio colectivo actuante, e por iso, cando algo me parece auténtico, dáme igual que veña de Sócrates, de Abascal, de Beauvoir ou de Rompetechos, aínda que, por suposto, a cada quen lle outorgo a miña credibilidade persoal e interésame máis ou menos o seu discurso.

No incidente Rubiales-Hermoso, vin posteriormente a análise que a psicóloga xurídica Laura Redondo realiza a través das redes sociais. En resumo, opina que a gravación puido facerse mentres a xogadora se atopaba en estado de shock, e compara o caso co da vítima da Manada, á que se chegou a cuestionar por estar de festa pouco despois da experiencia que coñecemos dabondo. Tamén co dunha moza de 15 anos, violada polo seu curmán de 22, que acabou aceptando a broma colectiva do seu grupo, que lle expresaba envexa debido ao apolíneo físico do agresor, o cal –estou de acordo coa análise– en ningún dos dous casos desvirtuaba a violación.

Cústame, en cambio, crer que calquera de ambas, aos poucos minutos, fosen pedir aos responsables dos feitos que os repetisen, aínda que isto tampouco me leva a pensar que o rexistrado no autobús referende a tese dun perfecto funcionamento dentro da RFEF, nin moito menos. Inclúo, por suposto, o coro feminino que reclama insistentemente un novo contacto físico cariñoso e o xeito en que distintos condicionantes poden influír na escena. Discrepo de Laura Redondo –con todos os meus respectos como filólogo por unha profesional da psicoloxía– en que parece dar por certeza excluínte doutras consideracións o que soamente constitúe unha posibilidade, avalada, iso si, polo feito de que Hermoso, na primeira reacción, dixese que non lle gustara. Despois, a festa de celebración e a broma, e poida que bastante máis.

Estou convencido de que Laura Redondo coñece a obra de Amelia Tiganus A revolta das putas. Non sei se non a cita porque non lle parece que veña ao caso ou porque, simplemente, non lle veu á mente durante a redacción da súa análise. Neste libro –que recomendo a quen queira informarse sobre a prostitución como eiva dolorosa– Tiganus explica como escacha a vontade dunha persoa ata converterse nun instrumento interno e potentísimo de sometemento e de autohumillación: chega un momento en que a escrava soamente contempla o mundo sórdido no que vive e esfórzase por conseguir unha maior aceptación, por parte dos –ou as– proxenetas e dos clientes. A vida acabou e xa non queda máis que satisfacer para existir, e facelo mellor para non perder o miserable lugar ao que se chegou.

Non creo que se trate do caso das integrantes da selección española de fútbol, pero si dun patrón desgraciadamente moi estendido no ámbito laboral, deportivo e calquera no que a progresión dependa do recoñecemento e da aceptación, sobre todo nun país no que se proclaman importantísimos principios éticos, exprésase verbalmente un respecto inquebrantable á legalidade e actúase conforme aos máis resesos postulados do exercicio do poder a través da posesión despótica das persoas. Como exemplo, un que lembro do meu ámbito laboral: unha xefa de servizo, despois dunha agresión por parte dun alto cargo a unha compañeira durante unha celebración de Nadal, reuniu o seu equipo para lle explicar seriamente que, nun contexto festivo, a ela non lle importaría que lle tocasen as tetas. Supoño que ninguén llo pediu, pero tamén que a forma en que se escollen e removen os postos apetecibles lle aconsellaría esta maneira de prostitución para se manter.

No caso da selección campioa creo que pode darse algo parecido: visto o sucedido coa rebelión de hai un ano e as súas protagonistas –por certo, estes días botei en falta unha lembranza para elas por parte das triunfadoras–, seguirlle a broma ao xefe podería funcionar como unha forma de continuar no lugar ansiado. Non está na miña vontade pedirlle a ninguén que se inmole –nin creo que me fixesen caso–, pero o vivido paréceme digno dunha investigación máis profunda que o simple espectáculo de ver como lle cortan a cabeza metaforicamente ao torpe mandatario. Quizá as quince que propiciaron o cambio resultaban prescindibles con criterios técnicos –tal como transcendeu o nivel de profesionalidade e interese dos estamentos directivos, poderían entrar na selección por puro antollo–, pero, resulte certo isto ou non, o aviso non verbal queda expresado, co que a elección entre o anonimato e a submisión non se explicita, pero paira sobre todas as cabezas.

Sen que afecte o fútbol feminino, contemplamos beatificamente outros exemplos: Luís Aragonés –que sabía negociar os seus contratos– viuse cuestionado e presionado para abandonar o cargo de seleccionador durante un tempo prolongado. O que conviñeran el e a Federación facía tremendamente dificultoso e oneroso prescindir dos seus servizos, de modo que continuou ata conseguir o título de campión de Europa. Non lle valeu para a renovación, pero lograra un equipo moi competitivo, con xogadores que ata ese momento pasaran desapercibidos, e tamén lonxe do sometemento a intereses económicos concretos ou ás preferencias da masa. Foise intempestivamente e chegou a substitución, que ampliou o palmarés cun título mundial e outro máis europeo, pero, talvez por pura casualidade, cando o grupo empezou a necesitar axustes, os resultados volveron á mediocridade. Non entendo demasiado de fútbol, pero a secuencia paréceme, como mínimo, curiosa.

No plano laboral estou moi afeito a arbitrariedades por parte dos estamentos de mando; a eleccións arbitrarias para prosperar ao abeiro dos recursos públicos e a un clima xeral de rexeitamento no ámbito privado, para, no contexto do grupo, mesmo apetecer a carroña profesional de quen non se prega ás estupideces das xerarquías. Na selección –segundo o meu criterio, de forma moi clara– houbo quen chegou á gloria a través dos restos deportivos de quen conseguira un cambio, que se revelou como moito máis que razoable. O presidente e o adestrador poderían renacer como grandes xestores, de non cismar o primeiro en dar a nota coma un pailán calquera. Pero a negociación forzárana outras persoas, inspiradas por un principio de profesionalidade inaudito nesta terra –tan avarenta en fillos coma opulenta en rabaños, que dicía Juan Carlos Suñén–, onde o medo e o privilexio arbitrario danzan nos corazóns para alimentar anhelos, soños e realizacións de mediocres, xente inepta e persoas válidas, que non poden mellorar a través de merecementos, que ás nosas cúpulas lles importan o logaritmo dunha verza.

Que, á luz do vídeo, Jennifer Fermoso actuase ou non con hipocrisía creo que dá o mesmo. Vexo o problema en estruturas que algún día teremos que atrevernos a enfrontar, simplemente para deixar de queixarnos da imbecilidade das nosas autoridades. Non só o que diga Agamenón ten por que ir a misa.

Carlos Arias