O que nos emocionou

Houbo un movemento que puxo en xaque o sistema, desde a decisión das persoas de que se escoitase a súa voz. O 15M fixo inzar redes que impactaban na liña de flotación dos medios convencionais. Parecía unha experiencia que conducía a un novo estado de cousas, pero o seu pulo só permaneceu no descontento dunha sociedade relegada como ente con capacidade decisoria, que elixe máis por animadversión ca por confianza. Esmoreceu aquel unirse para construír, substituído por mercadeos para que unhas caras ou outras tomen o protagonismo institucional.

Incorporeime á corrente para ver como derrancaba aquilo. Primeiro, de espectador, ao ver a Pablo Iglesias como Atila do que cuestionase a súa efixie. Despois, na base, ao ver as cúpulas desconectar de quen as elevaramos como eco da nosa voz. Na primeira licenza poética, os nomeamentos para cargos fixéronse desde arriba, pero a desilusión comezou cando a dirección nos esqueceu: enrocáranse nos privilexios, e os debates transformáranse en actos litúrxicos inanes.

Nas seguintes eleccións locais, a cúpula laiábase: a efervescencia desaparecera. A min parecíame que afogara porque decidiran que a súa opinión exclusiva abondaba. Se non participabamos, calabamos, e o goberno municipal foi ao garete, como ameazan facer as restantes cotas de poder logradas.

Hoxe a discusión está en quen suma en Sumar. O que se pretende parece outra vez organizado  arredor dunha persoa de virtudes estimables, pero que non representa as nosas, nin os nosos defectos. O baile perténcelles ás figuras sobranceiras; as anónimas veremos na web o bonito traxe ideolóxico de non sei quen e os seus adláteres. A pirámide de sempre; a frustración habitual.

Vén agora a urxencia de comparecer en mes e medio. O proxecto parece o mellor para reconstruír espazos perdidos, pero soamente quere o noso voto. Converteuse en alleo: non participaremos nas listaxes nin opinaremos no programa. Non importa. No entanto, importa que os bonecos que saian asuman un compromiso que arrisque a comodidade en beneficio da expresión colectiva. Talvez a forza nun lugar de privilexio se exprese mellor libre de interferencias; pero estas poden integrarse ordenadamente no debate, e creo que a resultante de millóns de vontades chega máis lonxe ca unha acción individual. Non hai tempo para facer candidaturas desde abaixo, pero si para un compromiso crible de que, pasada a conxuntura, imos de novo cara ao que un día nos emocionou.

Artigo publicado en El Correo gallego, 15/06/2023 (edición en papel)