El séptimo gesto

Unha das persoas nas que máis confío, desde o punto de vista literario, é Jonathan Dunne.

Paréceme un editor extraordinario e, amais, un marabilloso tradutor. Creo que se poden atopar moi poucas persoas que coiden o seu selo, Small Stations, con tanto amor polo que fai coma el, e diso beneficiouse a cultura galega durante uns cantos anos, ata hai ben pouco.

Da súa man apareceron, na colección Galician Classics, as versións inglesas da obra de Rosalía de Castro, Cunqueiro ou Lois Pereiro para o inglés, e tamén trasladou para esa lingua a obra de Manuel Rivas, o escritor galego de meirande proxección exterior, neste momento.

Nas súas redes sociais recomendou recentemente o libro da súa compañeira, Tsvetanka Elénkova, El séptimo gesto, publicado pola editorial Vaso Roto.

Remateino hoxe e quedei abraiado coa potencia destes poemas en prosa, onde a vida, a sensibilidade exquisita e un don poético elevadísimo, na miña opinión, quedan patentes.

Sen lles pedir permiso, tomei a licenza de verter para o galego un dos textos, e déixoo acó como exemplo, e creo que con bastante máis valor do que poida eu dicir.

Picando no título teredes o PDF.