Venezuela, Maduro e os apoios progresistas

Texto en castellano

Despois de ler o comunicado que emitiu unha organización política verbo do recente intento de golpe de Estado en Venezuela, paréceme necesario facer esta reflexión:

Estamos a ver movementos electorais que comprometen a liberdade e o desenvolvemento humano do planeta, e creo que, á parte das actitudes radicalizadas de grupos conservadores, tamén inflúe un discurso, escaso de fundamento ás veces, das forzas en teoría progresistas.

Do texto do comunicado deduzo que as persoas que o subscriben consideran o goberno de Nicolás Maduro como a expresión da vontade popular, e que a reacción internacional viola esta manifestación democrática dun xeito aberrante para a consciencia humana.

No entanto, creo que existe información abonda como para comprobar como o chavismo utilizou os recursos do poder para se perpetuar nas estruturas de xestión de Venezuela: cambios lexislativos ao compás das necesidades; forzas opositoras silenciadas; órganos de representación baleirados de contido, consonte a discordancia das persoas integradas neles respecto do réxime, etc.

Tamén podemos ver doadamente que as consultas electorais contan con niveis de abstención excesivamente altos ‒do 59%, segundo o goberno; do 83%, segundo a oposición‒, manipulacións, presións, etc.

Amais disto ‒por circunstancias externas ou por erros na dirección do país‒, Venezuela foi escalando co chavismo na espiral do caos. Caracas ten desde hai moito tempo problemas de seguridade, de violencia, de delincuencia e de crime, pero a desorde actual ameaza cun colapso de inmensas proporcións, se o visto parece escaso.

Estou convencido de que existen sabotaxes e actitudes partidistas de lexitimidade máis ca discutible; no entanto, tamén creo que a degradación institucional ten responsables interiores, ora por incompetencia política, ora por corrupción, ora por un devezo de mando carente de contido práctico, por desleixo ou por un despotismo inxustificable.

Polos testemuños directos que me chegaron, o pobo venezolano só desexa que remate este pesadelo, onde a vida e a morte cruzan ao chou os límites e os dereitos individuais desaparecen pola forza, sen que a meirande parte da poboación dexergue ningún xeito de acadar un nivel de seguridade minimamente aceptable.

Tamén creo que, con razón ou sen ela, a Unión Europea respecta o dereito internacional no momento en que reclama unhas condicións concretas para manter intercambios comerciais ou diplomáticos cos países externos, ou para reorientalas desde a súa propia perspectiva, crear ou desfacer alianzas. Isto, eticamente reprobable ou non, deriva da súa propia soberanía, da estrutura legal da que está dotada e das normas actuais entre os entes con capacidade de goberno que existen no planeta. Falar de calquera transgresión na orde xurídica paréceme, como mínimo, inexacto.

Dou por suposto que existe esa base da que fala o comunicado: os recursos naturais de Venezuela tentan demasiado a cobiza allea, e iso dubido que ninguén o poida negar, como tampouco noutros conflitos terribles do mundo, cos combustibles fósiles a pairaren na trastenda.

Entendo que este punto fundamental queda moi desvirtuado cando lle atribuímos só á reacción antibolivariana e á rapina imperialista a raíz do problema. Tamén existen outros factores que actúan contra a vontade popular; contra a convivencia e contra o desenvolvemento humano do país e do planeta, e negalos ou silencialos serve de ben pouca cousa.

Creo que o comunicado precisa un enfoque máis centrado e máis realista. Soamente unha postura ecuánime ten posibilidades de resultar eficaz e convincente e, no momento en que vivimos, con ascensos inopinados de movementos cada vez máis radicais, corremos o risco de provocar efectos de rebote, cos que non soamente perdemos apoios por falta de credibilidade, senón que alimentamos o lume que dicimos combater.

O que ata hai pouco valía para captar adhesións a través de mitins e asembleas, hoxe, polo impacto comunicativo en crecemento exponencial, convértese nun instrumento moi perigoso, ao servizo de causas máis ca refugadas en principio. Creo que nos cómpre medir as consecuencias, nas que a fiabilidade do discurso e os réditos electorais poden ir moi á canda.

Á parte de todo isto, tamén entendo que o pobo de Venezuela merece moito máis ca se converter nun pretexto para dialécticas puramente especulativas e intelectuais. Se falamos desde a súa realidade, libres de prexuízos, tamén deixamos a nosa achega para que esa cobiza material, que creo que lle dá sentido ao comunicado, se transforme nunha dinámica de intercambios en igualdade.

Estou convencido de que para resolver calquera problema cómpre saber onde está, malia nos tentar fortemente atribuírllo a unha parte, ou negarllo a outra.

Carlos Arias